120 VISITAS A ESTABLECEMENTOS PARA LEVAR A RECOLLIDA DO ORGÁNICO AO RIBEIRO
A Mancomunidade do Ribeiro avanza na implantación da recollida separada de biorresiduos cunha campaña de visitas porta a porta aos grandes e medianos produtores de materia orgánica de A Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro.
O equipo da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» realizou 120 accións informativas en bares, restaurantes, supermercados e outros establecementos. Nelas explicouse o funcionamento do novo servizo e a obriga de separar en orixe os biorresiduos, valorouse o interese de cada local en darse de alta e as súas necesidades de material.
Os establecementos adheridos reciben a guía para grandes produtores e o adhesivo de escaparate «Establecemento sostible». Os grandes produtores contan cun colector marrón propio, que sacan á vía pública nos días e horarios acordados; os medianos poden usar os colectores da rúa.
Para este servizo, a Mancomunidade dispón de 60 colectores marróns identificados para uso exclusivo de grandes produtores. Os biorresiduos destínanse á compostaxe en SOGAMA.
Os establecementos interesados en adherirse poden solicitar información no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
O proxecto conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, expediente EELL-0255-2026-RES) e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




