15 ESTABLECEMENTOS DE FORNELOS DE MONTES SÚMANSE Á RECOLLIDA DO ORGÁNICO
A campaña do contedor marrón de Fornelos de Montes visitou en outubro os 15 establecementos que funcionan como grandes produtores de biorresiduos no municipio: 8 de hostalaría, 4 comercios de alimentación, 2 aloxamentos de turismo rural e o comedor escolar do CEIP Doutor Suárez.
En cada visita, o persoal técnico explicou o funcionamento do novo sistema e ofreceu unha formación adaptada á forma de traballar de cada negocio, desde a separación na cociña ata a entrega no contedor.
Os establecementos reciben de balde un caldeiro de 25 litros, bolsas e fundas compostables e unha guía práctica para grandes produtores, con información sobre os tipos de biorresiduos, a normativa e as boas prácticas de separación e almacenamento.
Os negocios colaboradores identifícanse co adhesivo de escaparate «Establecemento sostible». O fogar residencial municipal para persoas maiores incorporarase ao programa cando entre en funcionamento.
Os establecementos que aínda queiran sumarse poden facelo a través da páxina web fornelos.ocaminosostible.gal, do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fornelos de Montes 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




