A HOSTALARÍA E O COMERCIO DE FISTERRA SÚMANSE Á RECOLLIDA DO ORGÁNICO COMO «ESTABLECEMENTOS SOSTIBLES»

A campaña do contedor marrón de Fisterra achegarase aos grandes produtores de biorresiduos do municipio: restaurantes, bares, aloxamentos e albergues do Camiño, comercios de alimentación e comedores colectivos.

O persoal técnico da campaña visitará os establecementos para explicarlles o funcionamento do novo sistema e ofrecerlles unha formación adaptada á súa forma de traballar, desde a separación na cociña ata o almacenamento e a entrega no contedor.

Cada establecemento adherido recibirá de balde un caldeiro de 25 litros, bolsas e fundas compostables e un manual práctico para grandes produtores, con información sobre os tipos de biorresiduos, a normativa e as boas prácticas de separación.

Os negocios colaboradores identificaranse co adhesivo de escaparate «Establecemento sostible», que recoñece o seu compromiso coa reciclaxe do orgánico en Fisterra.

A participación da hostalaría e do comercio é clave nun municipio coma Fisterra, final do Camiño e destino turístico, onde estes establecementos xeran unha parte moi importante dos restos orgánicos.

Os establecementos que aínda queiran sumarse poden facelo a través da páxina web fisterra.ocaminosostible.gal, do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fisterra 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.