A MANCOMUNIDADE DE VERÍN PRESENTA O NOVO SERVIZO DE RECOLLIDA DE BIORRESIDUOS PARA A HOSTALARÍA E O COMERCIO
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín presentou o mércores 28 de outubro o novo servizo de recollida porta a porta de biorresiduos para os grandes xeradores de materia orgánica dos concellos de Cualedro, Laza e Monterrei.
Na presentación mostrouse o novo vehículo de recollida de biorresiduos, os colectores marróns de 360 litros que reciben os establecementos e o panel informativo da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!».
O territorio da Mancomunidade non contaba ata agora cun sistema de recollida separada do orgánico. Esta primeira fase diríxese á hostalaría, aos supermercados e a outros establecementos que xeran grandes cantidades de restos de comida.
Os grandes produtores reciben un colector propio que sacan á rúa nos días e horarios acordados. Os medianos produtores, como a maior parte dos restaurantes, poden depositar o orgánico nos colectores da vía pública, que tamén poden usar as vivendas próximas.
Os biorresiduos recollidos trasládanse a SOGAMA para o seu tratamento na planta de compostaxe.
Os establecementos interesados en sumarse poden informarse na páxina web verin.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Implantación da recollida porta a porta de biorresiduos de grandes xeradores na Mancomunidade de Verín 2026», que conta cunha axuda de 18.694,50 € da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, Liña 1, expediente EELL-0112-2026-RES), cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




