A VECIÑANZA DE FORNELOS DE MONTES COÑECE O NOVO CONTEDOR MARRÓN NUN POSTO INFORMATIVO
A campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» instalou o martes 27 de outubro un posto informativo diante da Casa do Concello de Fornelos de Montes.
No posto, atendido polo persoal promotor da campaña, expuxéronse o novo contedor marrón intelixente de 240 litros e o caldeiro de cociña, para que a veciñanza puidese ver de preto como funcionan e resolver as súas dúbidas.
O equipo explicou que residuos van ao contedor marrón, como se abre coa tarxeta e por que hai que usar sempre bolsa compostable. Ademais, repartiu material informativo e facilitou a inscrición no programa para recibir de balde o pack de uso: tarxeta de apertura, caldeiro de cociña e bolsas compostables.
Quen non puido achegarse ao posto pode inscribirse igualmente na páxina web fornelos.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fornelos de Montes 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




