Agolada pon en marcha novas campañas de recollida de aceite, téxtil e biorresiduos a través do contedor marrón
O Concello de Agolada pon en marcha tres novas iniciativas para mellorar a xestión dos residuos municipais: a campaña de recollida de aceite doméstico usado, a campaña de recollida de téxtil e a implantación do contedor marrón para biorresiduos.
O obxectivo principal é ofrecer á veciñanza servizos específicos para aqueles residuos que non deben ir ao lixo convencional, favorecendo a reciclaxe, reducindo o impacto ambiental e avanzando cara a un modelo de economía circular máis sostible.
A través da campaña de aceite doméstico usado, as persoas usuarias poderán separar o aceite de cociña, evitando que remate na rede de sumidoiros ou no contedor equivocado, co conseguinte impacto negativo sobre o medio. Pola súa banda, a campaña de téxtil permitirá dar unha segunda vida á roupa e aos tecidos que xa non se empregan, reducindo a cantidade de residuos que acaban en vertedoiro.
Co contedor marrón para biorresiduos, o Concello aposta pola separación en orixe da materia orgánica (restos de comida, pequenos restos vexetais, etc.), que poderá ser tratada de forma específica para transformarse en recursos útiles, como compost, en lugar de ser xestionada como lixo convencional.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: agolada.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.






