Arbo pon en marcha a campaña do contedor marrón para a recollida de biorresiduos
O Concello de Arbo pon en marcha a nova campaña do contedor marrón para biorresiduos, un servizo específico para a recollida da materia orgánica que permitirá mellorar a xestión dos residuos municipais e avanzar cara a un modelo máis sostible.
A través deste sistema, a veciñanza de Arbo poderá separar de forma diferenciada os restos de comida e outros biorresiduos (peladuras de froita e verdura, restos de comida cociñada, pos de café, cascas de ovo, pequenos restos vexetais, etc.), evitando que acaben no lixo convencional e facilitando o seu tratamento para convertelos nun recurso útil, como o compost.
Co impulso do contedor marrón, o Concello busca reducir a fracción resto, diminuir o volume de residuos que se envían a vertedoiro ou incineración e contribuír á loita contra o cambio climático, xa que a correcta xestión da materia orgánica permite reducir emisións de gases de efecto invernadoiro.
Ao longo das próximas semanas informaranse os puntos de localización dos contedores, así como as indicacións básicas para saber que se pode e que non se pode botar no contedor marrón, resolvendo as dúbidas máis habituais da cidadanía.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: arbo.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.




