As Pontes pon en marcha as campañas de recollida de aceite, téxtil e biorresiduos a través do contedor marrón

O Concello das Pontes pon en marcha tres novas iniciativas para mellorar a xestión dos residuos municipais: a campaña de recollida de aceite doméstico usado, a campaña de recollida de téxtil e a implantación do contedor marrón para biorresiduos.

O obxectivo principal é ofrecer á veciñanza servizos específicos para aqueles residuos que non deben ir ao lixo convencional, favorecendo a reciclaxe, reducindo o impacto ambiental e avanzando cara a un modelo de economía circular máis sostible.

A campaña de aceite doméstico usado permitirá recoller de forma separada o aceite de cociña, evitando que se tire polo sumidoiro ou ao contedor equivocado, o que provoca atascos nas instalacións, encarece a depuración da auga e xera un forte impacto negativo nos ríos e ecosistemas acuáticos.

A través da campaña de téxtil, a cidadanía poderá depositar roupa e outros tecidos que xa non se empregan, facilitando a súa reutilización ou reciclaxe e reducindo a cantidade de residuos que rematan en vertedoiro. Deste xeito, prolóngase a vida útil dos materiais e redúcese o consumo de recursos.

Co contedor marrón para biorresiduos, o Concello aposta pola separación en orixe da materia orgánica (restos de comida, peladuras de froita e verdura, cascas de ovo, pos de café, pequenos restos vexetais, etc.), que poderá tratarse de forma específica para transformarse en recursos útiles, como o compost, en lugar de ser xestionada como lixo convencional.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: aspontes.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas