BARBADÁS AMPLIARÁ A RECOLLIDA DO LIXO ORGÁNICO CON 30 CONTEDORES MARRÓNS INTELIXENTES

Tras tres anos co contedor marrón, o Concello de Barbadás porá en marcha unha nova etapa da recollida separada do lixo orgánico dentro da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!».

O municipio, que xa conta con 50 contedores de biorresiduos e máis de 200 persoas usuarias, incorporará 30 contedores intelixentes de 240 litros con peche electrónico na tapa. Só se abrirán coa tarxeta, o chaveiro ou a aplicación móbil das persoas usuarias, o que permitirá evitar impropios e mellorar a calidade do residuo.

A campaña chegará tanto á Valenzá como ás parroquias e núcleos rurais, cunha persoa promotora que percorrerá o municipio casa por casa para explicar o novo sistema, resolver dúbidas e entregar o pack de uso: tarxeta ou chaveiro de acceso, caldeiro de cociña e bolsas compostables. O obxectivo é sumar 500 novos fogares e 20 establecementos de hostalaría e comercio.

No contedor marrón van os restos de froita e verdura, as cascas de ovo e de marisco, as borras de café e infusións, os restos de comida e o papel de cociña usado, sempre en bolsa compostable. Os biorresiduos destinaranse a SOGAMA para a súa reciclaxe.

As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web barbadas.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

O proxecto conta cunha axuda de 29.303,50 € da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, Liña 1, expediente EELL-0106-2026-RES), cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Novas relacionadas