Barbadás pon en marcha as campañas de recollida de aceite doméstico usado e biorresiduos a través do contedor marrón

O Concello de Barbadás pon en marcha dúas novas iniciativas para mellorar a xestión dos residuos municipais: a campaña de recollida de aceite doméstico usado e a implantación do contedor marrón para biorresiduos.

O obxectivo principal é ofrecer á veciñanza servizos específicos para dous fluxos de residuos que non deben ir ao lixo convencional, favorecendo a reciclaxe, reducindo o impacto ambiental e avanzando cara a un modelo de economía circular máis sostible.

A campaña de aceite doméstico usado permitirá recoller de forma separada o aceite de cociña xerado nos fogares, evitando que se tire polo sumidoiro ou ao contedor equivocado. Estes vertidos provocan atascos nas canalizacións, encarecen a depuración da auga e xeran un forte impacto negativo nos ríos e ecosistemas acuáticos. Co novo sistema de recollida específica, o aceite poderá ser xestionado de maneira adecuada e valorizado como recurso.

Co contedor marrón para biorresiduos, o Concello aposta pola separación en orixe da materia orgánica (restos de comida, peladuras de froita e verdura, cascas de ovo, pos de café, pequenos restos vexetais, etc.), que poderá ser tratada de forma específica para transformarse en compost e outros recursos útiles, en lugar de ser xestionada como lixo convencional. Deste xeito, redúcese a fracción resto, diminúe o volume de residuos que se envían a vertedoiro ou incineración e contribúese á loita contra o cambio climático.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: barbadas.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas