COMPOSTAXE DOMÉSTICA, UN BALANCE POSITIVO EN SOBRADO
O Concello pecha a campaña con máis fogares compostando e menos lixo mesturado no contedor
Ao longo dos últimos meses, o Concello de Sobrado desenvolveu unha campaña de compostaxe doméstica dirixida ás veciñas e veciños con terreo, co obxectivo de reducir a cantidade de residuos orgánicos que chegan ao contedor e transformar o lixo nun recurso útil para hortas e xardíns.
A iniciativa incluíu a entrega gratuíta de composteiros, sesións formativas prácticas e un servizo de acompañamento técnico para resolver dúbidas e mellorar o manexo do composteiro. Grazas a este apoio, cada vez máis fogares incorporan a compostaxe á súa rutina diaria, reducindo a metade da bolsa do lixo e contribuíndo a un modelo de xestión de residuos máis sostible e económico.
Durante a campaña realizáronse diferentes xornadas informativas nos locais sociais do municipio, nas que se explicou paso a paso como separar correctamente a materia orgánica, que residuos se poden botar ao composteiro, como evitar cheiros ou pragas e como empregar despois o compost obtido como abonado natural. A valoración por parte das persoas participantes foi moi positiva, destacando a utilidade práctica dos contidos e a proximidade do asesoramento.
Aínda que a campaña específica de 2025 remata, o Concello lembra que segue dispoñible información actualizada na web sobrado.ocaminosostible.gal, así como apoio técnico para aquelas persoas que xa están a compostar ou que queiran iniciarse neste sistema. Para calquera consulta adicional, a veciñanza pode dirixirse tamén ao Concello ou chamar ao teléfono 647 521 464.
Esta actuación conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.




