EMPEZA EN MONTERROSO A CAMPAÑA DO CONTEDOR MARRÓN PARA OS BIORRESIDUOS
O Concello de Monterroso pon en marcha unha nova campaña de recollida de biorresiduos co obxectivo de facilitar que toda a veciñanza poida separar a materia orgánica no contedor marrón, reducindo así o volume de lixo que se deposita no colector xenérico e avanzando cara a un modelo de xestión máis sostible e acorde coa normativa europea.
O acto de presentación da campaña contou coa participación do alcalde de Monterroso, D. Eloy Sindín, así como dos tenentes de alcalde D. Balbino Martínez Cordero e Dª Jessica Rodríguez Méndez. Durante a presentación, salientouse a importancia de apostar por unha correcta separación en orixe, tanto para diminuír a cantidade de residuos que acaban en vertedoiro como para aproveitar os restos de comida como recurso útil para mellorar a fertilidade do solo.
A materia orgánica supón unha parte moi significativa do lixo doméstico. Separala de forma axeitada na casa é clave para reducir os custos de xestión, cumprir coas exigencias europeas e contribuír á loita contra o cambio climático. Canto mellor separe a veciñanza, máis doado será pechar o ciclo da materia orgánica mediante o seu tratamento e valorización.
Nas vindeiras semanas poranse en marcha diferentes puntos informativos e accións de rúa en Monterroso, nos que se explicará como empregar correctamente o contedor marrón, que residuos se poden botar (restos de comida, froita e verdura, cascas de ovos, pos de café, restos de poda miúda, etc.) e cales non deben depositarse nunca. Nestes encontros tamén se resolverán todas as dúbidas da veciñanza e informarase dos beneficios ambientais e económicos dunha boa separación en orixe.
As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do teléfono 647 52 14 64 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU.
#Compostaxe #Biorresiduos #ConsorcioAsMariñas #XuntadeGalicia #NextGenerationEU #MinisterioTransiciónEcolóxica #RecuperaciónTransformaciónResiliencia




