FISTERRA PORÁ EN MARCHA A RECOLLIDA SEPARADA DO LIXO ORGÁNICO CON 15 CONTEDORES MARRÓNS INTELIXENTES

O Concello de Fisterra porá en marcha a recollida separada da fracción orgánica co contedor marrón, dentro da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!».

Instalaranse 15 contedores intelixentes de 240 litros con peche electrónico na tapa, que só se abren coa tarxeta das persoas usuarias, para garantir a calidade do residuo e evitar impropios.

No contedor marrón van os restos de froita e verdura, as cascas de ovo e de marisco, as borras de café e infusións, os restos de comida, o papel de cociña usado e as plantas, sempre en bolsa compostable.

Os fogares que se inscriban recibirán de balde un pack de uso coa tarxeta de apertura do contedor, un caldeiro de cociña de 10 litros e bolsas compostables. O programa prevé incorporar 200 fogares nesta primeira fase.

A hostalaría, os aloxamentos e albergues do Camiño, os comercios de alimentación e os comedores colectivos poderán adherirse como grandes produtores. Recibirán un caldeiro de 25 litros, bolsas compostables, unha guía práctica e o adhesivo de «Establecemento sostible».

A implantación acompañarase dunha campaña informativa con cartaces, dípticos e trípticos, un manual para grandes produtores, publicacións en redes sociais, charlas para o alumnado do CEIP Mar de Fóra, un posto informativo diante da Casa do Concello e visitas aos establecementos do municipio.

Os biorresiduos recollidos destinaranse a SOGAMA para a súa reciclaxe.

As persoas interesadas poden inscribirse e atopar toda a información na páxina web fisterra.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

O proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fisterra 2026» conta cunha axuda de 18.411,25 € da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, Liña 1, expediente EELL-0242-2026-RES), cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.