Mesía continúa con éxito a campaña de aceite cun obradoiro de xabrón
O Concello de Mesía deu onte un paso máis na súa aposta pola prevención de residuos cun obradoiro de elaboración de xabón con aceite doméstico usado impartido por Andrés Vázquez, que reuniu a numerosas persoas interesadas en aprender a darlle unha segunda vida ao aceite que xorde da cociña no día a día.
Durante a sesión, de carácter eminentemente práctico, explicouse paso a paso como transformar o aceite usado en xabón para o fogar, facendo fincapé nas medidas de seguridade, nas proporcións axeitadas dos ingredientes e nas boas prácticas para gardar e manipular este residuo. Ademais, abordouse o impacto ambiental que teñen os vertidos polo fregadeiro e as vantaxes de reutilizalo fronte a tiralo co resto do lixo.
As persoas asistentes amosaron un alto grao de implicación, participando activamente, formulando numerosas cuestións e elaborando o seu propio xabón, que poderán utilizar no fogar como exemplo práctico de economía circular e consumo responsable. O ambiente foi moi participativo e puxo de manifesto o interese crecente da veciñanza por alternativas sostibles no día a día.
Este obradoiro enmárcase na campaña de recollida de aceite doméstico usado que o Concello está a impulsar, coa finalidade de reducir a contaminación, mellorar a separación en orixe e promover a valorización deste residuo en novos produtos útiles.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: mesia.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.




