Mesía inicia con éxito a campaña de compostaxe doméstica cun obradoiro divulgativo e a primeira entrega de composteiros

O Concello de Mesía deu hoxe o pistoletazo de saída á campaña de compostaxe doméstica cun obradoiro impartido por Víctor Boga, especialista en solo e fertilidade, que reuniu a numerosos veciños e veciñas interesados en aprender a xestionar os seus biorresiduos de maneira máis sostible.

Durante a sesión, de carácter eminentemente práctico, explicouse o funcionamento do chan, os factores que inflúen na súa fertilidade e diversas técnicas sinxelas aplicables no día a día para mellorar a súa calidade. As persoas asistentes amosaron un alto grao de implicación, participando activamente e formulando numerosas cuestións ao longo das dúas horas que durou o encontro.

O Concello informa de que, nas próximas semanas, se celebrarán máis sesións informativas en diferentes puntos do municipio, abertas a toda a veciñanza. Para participar, só é necesario asistir a unha destas xornadas, nas que tamén se fará entrega dun composteiro de balde.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: mesia.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.