O ALUMNADO DO CEIP DOUTOR SUÁREZ DESCOBRE CANTO PESA O ORGÁNICO NA BOLSA DO LIXO
O CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes acolleu o xoves 22 de outubro unha xornada de charlas sobre a separación de residuos, dentro da campaña do contedor marrón «O residuo orgánico? Ao marrón!».
Impartíronse tres charlas para o alumnado de 1º e 2º, 3º e 4º e 5º e 6º de Educación Primaria, nas que participaron 38 alumnos e alumnas e tres docentes.
Nas sesións traballáronse as fraccións de residuos e o contedor de cada unha, e o alumnado descubriu que a materia orgánica é unha das partes que máis pesa na bolsa do lixo. Tamén se presentou o caldeiro de cociña que reciben as familias e o funcionamento do novo contedor marrón intelixente.
O colexio conta con comedor escolar e forma parte tamén dos grandes produtores de biorresiduos do municipio, polo que a separación do orgánico aplícase tamén no propio centro.
As familias interesadas poden inscribirse e recibir de balde o seu pack de uso a través da páxina web fornelos.ocaminosostible.gal, do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fornelos de Montes 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




