O ALUMNADO DO CEIP MAR DE FÓRA APRENDE A SEPARAR O ORGÁNICO COA CAMPAÑA DO CONTEDOR MARRÓN DE FISTERRA
O alumnado do CEIP Mar de Fóra de Fisterra participou o martes 20 de outubro nunha xornada de charlas sobre a separación de residuos e a nova recollida do lixo orgánico, dentro da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!».
Ao longo da mañá impartíronse catro charlas dirixidas ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, nas que participaron 70 alumnos e alumnas e catro docentes.
Nas sesións traballáronse as distintas fraccións de residuos e o contedor que corresponde a cada unha, o peso que ten a materia orgánica na bolsa do lixo e o uso correcto do novo caldeiro de cociña e do contedor marrón intelixente que o Concello acaba de instalar.
A educación ambiental nas aulas é unha peza clave da campaña: os nenos e nenas levan o que aprenden á casa e axudan a que as familias se sumen á separación do orgánico.
As familias interesadas poden inscribirse e recibir de balde o seu pack de uso (tarxeta de apertura do contedor, caldeiro de cociña e bolsas compostables) a través da páxina web fisterra.ocaminosostible.gal, do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fisterra 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




