O ALUMNADO DO CEIP PEDRO CASELLES ROLLÁN APRENDE A SEPARAR OS RESIDUOS
Arredor de 118 alumnos e alumnas do CEIP Pedro Caselles Rollán participaron nas sesións de educación ambiental da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» en Xove.
As sesións celebráronse os días 7 e 21 de outubro e chegaron a todos os cursos de Educación Primaria. En seis obradoiros, os nenos e nenas falaron dos residuos, das tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) e dos colectores do Concello, con especial atención ao novo contedor marrón.
Cada sesión pechou cun xogo final no que o alumnado puxo a proba o aprendido, decidindo a que colector vai cada residuo.
A educación ambiental nas aulas é unha peza clave da campaña: o que se aprende no colexio chega ás casas e axuda a que as familias se sumen á separación do orgánico.
As familias poden recoller de balde o seu kit doméstico na Casa do Concello. Máis información na páxina web xove.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto de implantación da recollida separada de biorresiduos no Concello de Xove 2026, que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




