O CEIP O RUXIDOIRO APRENDE A SEPARAR O ORGÁNICO COA CAMPAÑA DO CONTEDOR MARRÓN DE BARBADÁS
O alumnado do CEIP O Ruxidoiro participou o xoves 22 de outubro nunha xornada de charlas sobre a separación de residuos, dentro da campaña do contedor marrón «O residuo orgánico? Ao marrón!» de Barbadás.
Nas sesións traballáronse as distintas fraccións de residuos e o contedor que corresponde a cada unha, o peso que ten a materia orgánica na bolsa do lixo e o camiño que seguen os biorresiduos ata a súa reciclaxe.
Tamén se explicou o uso do caldeiro de cociña e do novo contedor marrón con control de apertura, que só se abre coa tarxeta, o chaveiro ou a aplicación móbil das persoas usuarias.
A educación ambiental nas aulas é unha peza clave da campaña: os nenos e nenas levan o que aprenden á casa e axudan a que as familias se sumen á separación do orgánico.
As familias interesadas poden inscribirse e recibir de balde o seu pack de uso na páxina web barbadas.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Barbadás 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




