O CONCELLO DE AS PONTES INSTALA UN PUNTO INFORMATIVO NA FEIRA E ACTIVA UN DISPOSITIVO PORTA A PORTA PARA ENTREGAR OS KITS DO RESIDUO ORGÁNICO
O Concello de As Pontes continúa a impulsar accións de proximidade para mellorar a separación dos residuos e facilitar a participación da veciñanza na recollida da fracción orgánica. No marco desta campaña, durante esta semana desenvolveranse dúas actuacións principais: a entrega de kits a domicilio e a instalación dun punto informativo na feira.
Por unha banda, desde o luns 16, un equipo estará a percorrer o municipio porta a porta para entregar o kit e ofrecer información directa sobre o funcionamento do contedor marrón e a compostaxe comunitaria, resolvendo dúbidas habituais e achegando indicacións prácticas para separar correctamente os biorresiduos no fogar.
Ademais, o Concello habilitará un punto informativo na feira de As Pontes o:
- Domingo 15, dende as 10:30h
- Feira de As Pontes
Este punto permitirá á cidadanía informarse de xeito presencial, aclarar cuestións concretas e coñecer de primeira man como participar no sistema.
Con esta acción, o Concello de As Pontes busca reforzar a información á poboación, reducir os impropios e avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible, promovendo o aproveitamento da materia orgánica.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: aspontes.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.





