O CONCELLO DE MONTERROSO PRESENTA A NOVA CAMPAÑA DO CONTEDOR MARRÓN PARA A VECIÑANZA

O Concello de Monterroso pon en marcha unha nova campaña de recollida selectiva de biorresiduos dirixida a toda a veciñanza, co obxectivo de facilitar a separación da materia orgánica no contedor marrón, reducir a cantidade de lixo que remata no colector xenérico e contribuír á protección do medio ambiente. A posta en marcha deste servizo supón un paso adiante cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible e acorde coa normativa vixente.

Como inicio da campaña, o venres 28 de novembro, ás 13:30 h, terá lugar na Praza de Galicia (Monterroso) a presentación oficial do contedor marrón para a cidadanía. Durante o acto explicarase como funciona este novo sistema de recollida, que residuos se poden depositar no contedor marrón, que materiais non son adecuados e cales son as vantaxes ambientais e económicas que supón para o Concello e para o conxunto da poboación. Tamén se reservará un espazo para resolver todas as dúbidas das persoas asistentes.

Ao longo da campaña, o Concello informará dos puntos e horarios nos que se poderá recoller o material de apoio para a separación na casa, así como das diferentes accións divulgativas que se irán desenvolvendo para acompañar á veciñanza neste cambio de hábito: charlas informativas, repartos de material e outras iniciativas de sensibilización. O obxectivo é que separar o residuo orgánico sexa un xesto sinxelo e incorporado á rutina diaria dos fogares.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: monterroso.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 52 14 64 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Concello de Monterroso por un modelo de xestión de residuos máis sostible e eficiente.