O CONCELLO DE PALAS DE REI PRESENTA A NOVA CAMPAÑA DE CONTEDOR MARRÓN PARA GRANDES PRODUTORES

O Concello de Palas de Rei pon en marcha unha nova campaña de recollida selectiva de biorresiduos dirixida aos grandes produtores do municipio, como establecementos de hostalaría, restaurantes, comedores colectivos ou centros sociais, co obxectivo de reducir o lixo que vai ao contedor xenérico e darlle unha segunda vida á materia orgánica. A implantación do contedor marrón permitirá avanzar cara a un modelo máis sostible, no que os restos de comida se transformen nun recurso útil en lugar de rematar no vertedoiro.

Como punto de partida desta campaña, o vindeiro venres 28 de novembro, ás 11:30 h, terá lugar na Praza do Concello de Palas a presentación oficial do novo servizo para grandes produtores. Durante o acto explicarase en que consiste o contedor marrón, como se realizará a recollida, cales son as obrigas e responsabilidades dos establecementos adheridos e que vantaxes supón participar no sistema, tanto a nivel ambiental como económico. Tamén se aproveitará para resolver todas as dúbidas das persoas asistentes.

A campaña inclúe a entrega de material específico para facilitar a separación na orixe (caldeiros e colectores interiores, información visual para o persoal, cartelería para o público, etc.), así como acompañamento técnico individualizado aos locais que se adhiran. Deste xeito, o Concello de Palas de Rei procura facer sinxelo o cumprimento da normativa en materia de xestión de biorresiduos, ao tempo que impulsa unha imaxe máis responsable e comprometida dos negocios locais coa protección do medio ambiente.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: palasderei.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 52 14 64 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal. Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU.