O Concello de Ponteceso anima á veciñanza a participar no programa de compostaxe doméstica
O Concello de Ponteceso recorda á súa veciñanza a oportunidade de participar no programa de compostaxe doméstica, como parte da iniciativa de mellora da xestión dos biorresiduos no municipio. Este programa está deseñado para fomentar a autoxestión da materia orgánica, co obxectivo de reducir a fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos.
Se es un veciño/a de Ponteceso que dispón dun pequeno terreo, podes aproveitar estes residuos para facer un compost de excelente calidade. Para isto, dende o Concello, poñemos á túa disposición composteiros e aireadores de uso doméstico.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse para recibir o material necesario, que inclúe un composteiro, un manual de instrucións e un seguimento continuo por parte de expertos na materia. Para reservalos, só tes que inscribirte en: https://ponteceso.rsu.gal/.
A compostaxe doméstica ofrece múltiples beneficios ambientais, como a redución da pegada de carbono asociada á recollida de residuos e a produción de compost, un abono natural que aporta nutrientes esenciais para o solo. Ademais, esta práctica contribúe a diminuír os custos de xestión dos residuos a longo prazo.
O Concello de Ponteceso destaca a importancia da colaboración cidadá para o éxito deste proxecto e anima a toda a veciñanza a anotarse.
Contacto para máis información:
Teléfono: 647 521 464
Email: residuos@ponteceso.net




