O Concello de Ponteceso implantará o colector marrón no ano 2024
O mércores 19 de xuño ás 12:00, na Casa do Concello, o Concello de Ponteceso convida á veciñanza e ao tecido empresarial, en especial á hostalaría, a coñecer o proxecto de implantación do colector marrón no municipio.
No colector marrón só poderán depositarse restos orgánicos. Para garantir o correcto funcionamento, os colectores disporán de pechadura, polo que para usar o novo servizo, haberá que darse de alta, de forma gratuíta, obtendo unha tarxeta identificativa, un caldeiro e un pack de bolsas compostables.
Ao longo dos próximos meses, realizaranse accións na rúa nas que os veciños e veciñas de Ponteceso poderán anotarse e obter información acerca das vantaxes que supón o novo colector.
Por outra banda, faranse visitas e seguimento ao tecido empresarial relacionado coa produción de residuos orgánicos para facilitar a transición ao novo sistema.
O Concello de Ponteceso presentou hoxe unha ambiciosa campaña para a implantación da recollida separada de biorresiduos, unha iniciativa que busca mellorar a xestión dos residuos orgánicos e promover a compostaxe entre a poboación.
A presentación tivo lugar na Casa do Concello e contou coa presenza do alcalde, D. José Manuel Mato Martínez, acompañado por técnicos municipais e por Rodrigo López Piquín, cofundador de Permae, empresa consultora en sustentabilidade que asesora neste proxecto e realiza a campaña de implantación. Durante a presentación, un biólogo, Andrés Silva, explicou o proceso de compostaxe e deu unhas pequenas indicacións sobre como se debe usar un composteiro. Ademais, ensináronse en distintos recipientes as fases do compostaxe para visibilizar como é posible pasar de ter un residuo a un recurso.
A campaña desenvolverase tanto nas zonas rurais como nas urbanas do municipio, incluíndo as seguintes accións clave:
- Distribución de composteiros no rural: Repartiranse 185 composteiros entre os veciños das áreas rurais, fomentando a compostaxe doméstica e a xestión responsable dos residuos orgánicos. As familias que desexen recibir o seu composteiro poden solicitalo na web www.ponteceso.rsu.gal
- Charlas en centros educativos: Organizaranse sesións informativas nas escolas e institutos de Ponteceso, co obxectivo de concienciar aos máis novos sobre a importancia da separación e tratamento dos biorresiduos.
- Porta a porta no urbano: Realizaranse visitas a fogares para asesorar aos veciños sobre o uso dos composteiros e resolver dúbidas relacionadas coa separación dos residuos. Durante estas visitas, entregaranse caldeiros de 10 litros, paquetes de bolsas compostables, unha guía de residuos e as chaves para abrir o contedor marrón.
- Instalación de colectores marróns no urbano: Nas áreas urbanas do municipio, colocaranse 70 colectores específicos para os biorresiduos, facilitando así a recollida selectiva e o seu posterior tratamento.
Ademais, esta campaña incluirá a adquisición dun camión 100% eléctrico para a recollida de biorresiduos, destacando as vantaxes deste tipo de vehículos, como a redución de emisións contaminantes, a diminución da contaminación acústica e a contribución á sustentabilidade ambiental.
Estas iniciativas contan co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e coa cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O importe total da acción ascende a 125.311,11 €, dos cales o Concello de Ponteceso aporta 38.846,44 € e a subvención ascende a 112.780,00 €.
Durante o acto de presentación, o alcalde subliñou a relevancia desta iniciativa: «Esta campaña representa un paso adiante na nosa aposta pola sustentabilidade e a conservación do noso entorno. Queremos involucrar a toda a comunidade na correcta xestión dos residuos orgánicos, contribuíndo así a un Ponteceso máis limpo e verde.»
A campaña incluirá ademais material informativo e divulgativo que será distribuído entre a poboación, así como actividades complementarias para reforzar a mensaxe e garantir a participación activa de todos os veciños. Ponteceso aposta pola economía circular.
Para máis información, os interesados poden contactar co Concello de Ponteceso a través dos canles habituais ou visitar a páxina web municipal.
Contacto de Prensa:
Concello de Ponteceso
Teléfono: 981 714 000
Correo electrónico: info@ponteceso.gal




