O CONCELO DE MOECHE INICIA UNHA NOVA FASE DA CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DIRIXIDA A GRANDES PRODUTORES

O Concello de Moeche pon en marcha unha nova fase da súa campaña de compostaxe, centrada nesta ocasión nos grandes produtores de biorresiduos, como restaurantes, comercios alimentarios, centros educativos e outros establecementos locais, coa incorporación de composteiros de 800 litros adaptados ás súas necesidades.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a xestión da fracción orgánica no municipio, reducindo o volume de residuos que chegan ao colector e impulsando un modelo máis sostible, eficiente e de proximidade.

O vindeiro martes 18 de novembro pola tarde, persoal técnico da campaña realizará unha visita porta a porta aos establecementos locais, para manter unha primeira toma de contacto e explicar o funcionamento do programa. Durante esta visita:

  • Detallarase o funcionamento e as vantaxes ambientais e económicas da compostaxe.
  • Avaliaranse as necesidades específicas de cada establecemento, como a ubicación idónea do composteiro e a súa accesibilidade.

Trátase dunha visita exclusivamente informativa, que dará paso a unha fase de implantación acompañada. Durante os primeiros meses realizaranse visitas semanais de seguimento, seguidas de revisións mensuais ata consolidar o uso correcto dos composteiros.

Ademais, os establecementos que se incorporen ao programa “Establecemento Sostible” poderán beneficiarse dunha bonificación do 10% na taxa de residuos, unha oportunidade adicional para reducir custos e reforzar o compromiso ambiental do tecido empresarial local.

Esta acción enmárcase no compromiso do Concello de Moeche por avanzar cara a un modelo de xestión máis circular e responsable, promovendo a participación activa do sector hostaleiro, comercial e educativo na valorización dos biorresiduos.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: moeche.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

#Moeche #Compostaxe #Biorresiduos #Sostibilidade #EconomíaCircular #NextGenerationEU #XuntadeGalicia #OCamiñoSostible