O CONTEDOR MARRÓN INTELIXENTE SAE Á RÚA EN OUTES CUN POSTO INFORMATIVO

A campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» instalou o martes 27 de outubro un posto informativo diante da Casa do Concello de Outes para presentar á veciñanza os novos contedores marróns intelixentes.

No posto, atendido polo persoal da campaña, fíxose unha demostración do funcionamento do contedor de 240 litros con control de apertura e mostrouse o pack de uso que reciben os fogares: caldeiro de cociña e bolsas compostables.

O equipo resolveu dúbidas sobre que residuos van ao contedor marrón, repartiu material informativo e facilitou a inscrición na plataforma mediante código QR.

Quen non puido achegarse ao posto pode inscribirse igualmente na páxina web outes.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Outes 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.