O CONTEDOR MARRÓN SAE Á RÚA EN FISTERRA CUN POSTO INFORMATIVO DIANTE DA CASA DO CONCELLO
A campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!» instalou o martes 27 de outubro un posto informativo diante da Casa do Concello de Fisterra para achegar á veciñanza a nova recollida separada do lixo orgánico.
No posto, atendido polo persoal promotor da campaña, expúxose un dos novos contedores marróns intelixentes de 240 litros, para que as persoas que se achegaron puidesen ver de preto como funciona o peche electrónico e a apertura coa tarxeta.
O equipo resolveu dúbidas sobre que residuos van ao contedor marrón, repartiu material informativo e facilitou a inscrición no programa para recibir de balde o pack de uso: tarxeta de apertura do contedor, caldeiro de cociña de 10 litros e bolsas compostables.
No contedor marrón van os restos de froita e verdura, as cascas de ovo e de marisco, as borras de café e infusións, os restos de comida, o papel de cociña usado e as plantas, sempre en bolsa compostable.
Quen non puido achegarse ao posto pode inscribirse igualmente a través da páxina web fisterra.ocaminosostible.gal, do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta actuación forma parte do proxecto «Mellora da ecoeficiencia e transición cara á economía circular na xestión dos residuos municipais de Fisterra 2026», que conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




