O Porriño impulsa a educación ambiental cunha visita a Sogama para persoas maiores de 55 anos

Máis de cincuenta persoas participaron hoxe nunha visita organizada polo Concello do Porriño á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), en Cerceda. A iniciativa, enmarcada no programa de actividades ecoturísticas e de sensibilización ambiental para a veciñanza, tivo como obxectivo achegar ás persoas participantes o funcionamento real do sistema galego de xestión de residuos.

Ao longo da xornada, o grupo puido coñecer de primeira man o percorrido que seguen os residuos desde que se separan nos fogares ata o seu tratamento na planta de Sogama, comprendendo así a importancia da reciclaxe como ferramenta clave para reducir a contaminación e avanzar cara a un modelo máis sostible.

As persoas asistentes amosaron grande interese polos procesos de clasificación, valorización e recuperación de materiais, destacando o valor destas visitas para reforzar os hábitos de separación nos fogares e promover un maior compromiso ambiental no municipio.

Desde o Concello do Porriño salientan que actividades como esta contribúen á concienciación ambiental da cidadanía e forman parte das accións impulsadas no marco da campaña O Camiño Sostible, orientada a mellorar a xestión dos residuos e fomentar boas prácticas no día a día.

Para máis información sobre futuros programas e actividades ambientais, a veciñanza pode consultar os canais oficiais do Concello do Porriño.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas