O PORRIÑO IMPULSA UN NOVEMBRO CHEO DE CHARLAS SOBRE XESTIÓN DE RESIDUOS E SOSTIBILIDADE

O Concello do Porriño continúa avanzando cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible e participativo. O pasado venres 14 de novembro, tivo lugar en Mosende a segunda das charlas informativas dirixidas á veciñanza, organizadas para dar a coñecer as novidades da nova campaña municipal de residuos.

Durante o encontro explicáronse os principais cambios relacionados co novo colector marrón para a fracción orgánica, a recollida de aceite doméstico usado e téxtil, e os programas de compostaxe doméstica e comunitaria que se están a implantar no municipio.

A sesión serviu tamén como espazo de diálogo e intercambio de ideas, onde as persoas asistentes puideron resolver dúbidas, compartir experiencias e achegar propostas para mellorar a recollida selectiva e reducir a cantidade de residuos que rematan en vertedoiro.

Este ciclo de encontros informativos arrancou no Salón de Plenos do Concello, cunha primeira sesión que contou cunha ampla participación veciñal, e continuará durante o mes de novembro nas diferentes parroquias do municipio:

  • Chenlo – Luns 17 de novembro, ás 20:00 h
  • Pontellas – Martes 18 de novembro, ás 17:00 h
  • Atios – Martes 18 de novembro, ás 19:30 h
  • Cans – Venres 21 de novembro, ás 19:00 h
  • Centro Cultural Alba (Torneiros) – Xoves 27 de novembro, ás 19:00 h

Con esta campaña, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión de residuos máis sostible, responsable e participativo, promovendo a implicación cidadá como clave para avanzar cara a un Porriño máis limpo e respectuoso co medio ambiente.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas