O Porriño pon en marcha as campañas de recollida de téxtil e biorresiduos a través do contedor marrón

O Concello do Porriño pon en marcha dúas novas iniciativas para mellorar a xestión dos residuos municipais: a campaña de recollida de téxtil e a implantación do contedor marrón para biorresiduos.

O obxectivo principal é ofrecer á veciñanza servizos específicos para dous fluxos de residuos que non deben ir ao lixo convencional, favorecendo a reutilización, a reciclaxe, a redución de residuos e un modelo de economía circular máis sostible.

A través da campaña de téxtil, a cidadanía poderá depositar roupa e outros tecidos que xa non se empregan en puntos de recollida específicos, facilitando a súa reutilización ou reciclaxe e reducindo a cantidade de residuos que rematan en vertedoiro. Deste xeito, prolóngase a vida útil dos materiais e diminúe o consumo de recursos.

Co contedor marrón para biorresiduos, o Concello aposta pola separación en orixe da materia orgánica (restos de comida, peladuras de froita e verdura, cascas de ovo, pos de café, pequenos restos vexetais, etc.), que poderá ser tratada de forma específica para transformarse en compost e outros recursos útiles, en lugar de ser xestionada como lixo convencional. Isto permite reducir a fracción resto, diminuír o volume de residuos que se envían a vertedoiro ou incineración e contribuír á loita contra o cambio climático.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: porriño.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas