O Porriño presenta as novas campañas de residuos cun plan integral que inclúe porta a porta, colectores específicos e educación ambiental
O Concello do Porriño presentou hoxe o seu novo plan de campañas de residuos, que se inicia coa presentación oficial e se prolongará ao longo dos meses de outubro e novembro. A iniciativa abrangue catro liñas estratéxicas: colector marrón (orgánica), recollida de aceite doméstico, recollida de téxtil usado e compostaxe doméstica e comunitaria.
O alcalde, Alejandro Lorenzo Alonso, subliñou que “o Porriño quere ser un concello máis limpo, máis sostible e máis eficiente na xestión dos seus residuos. Por iso, combinamos novas infraestruturas, sensibilización cidadá e apoio porta a porta para que todas as familias poidan participar”.
Colector marrón (orgánica): Reparto de bolsas compostables e caldeiros para fogares e grandes xeradores. Desde o 3 de novembro e durante todo o mes, 6 persoas promotoras realizarán visitas porta a porta para entregar materiais e informar á veciñanza e grandes xeradores. Haberá tamén postos informativos en feiras e actividades educativas en centros escolares e asociacións veciñais.
Aceite de cociña usado: Distribución de embudes adaptables para que as familias garden o aceite usado en botellas de plástico, e novos colectores específicos na vía pública. A campaña inclúe talleres prácticos para transformar aceite en xabón e a creación dun mapa dixital de contedores accesible desde a web municipal.
Residuos téxtiles: Instalación de contedores específicos en puntos estratéxicos do concello e entrega de sacas reutilizables á cidadanía. Haberá obradoiros de reutilización creativa de roupa, actividades educativas sobre o impacto ambiental da industria téxtil e unha ferramenta de xeolocalización de contedores.
Un dos aspectos máis innovadores da campaña é a colaboración con CÁRITAS Diocesana Tui-Vigo, que está a elaborar bolsas de tea a partir da roupa non reutilizable recollida nos contedores de téxtil. Estas bolsas, que produce un grupo de personas voluntarias en Porriño, distribúense en todos os concellos galegos adheridos as campaña de O Camiño Sostible, converténdose nun símbolo de economía circular con selo local. Ademais, o coste das bolsas dedicase a un beneficio social, xerando así un dobre impacto positivo: ambiental, ao dar unha segunda vida a materiais que antes eran residuo, e social, ao apoiar ás familias que máis o precisan.
Compostaxe doméstica e comunitaria: Cesión de composteiros para fogares con horto ou xardín, instalación de composteiros comunitarios en centros educativos e posta en marcha dun programa de visitas de seguimento técnico. Complementarase con vídeos educativos, materiais impresos e obradoiros para distintos públicos.
A licitación pública destas campañas foi gañada por Permae, consultora galega especializada en sostibilidade e residuos, que actualmente colabora con arredor de 30 concellos en Galicia coa campaña O Camiño Sostible (www.ocaminosostible.gal). O seu director, Rodrigo López Piquín, destacou que “cada xesto conta: separar mellor significa aforrar custos, reducir impacto ambiental e avanzar cara a un Porriño máis sostible”.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: porrino.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.




