O PORRIÑO REFORZA A CAMPAÑA DO CONTEDOR MARRÓN CON VISITAS PORTA A PORTA E PUNTOS INFORMATIVOS EN TODO O MUNICIPIO

O Concello do Porriño continúa impulsando o seu compromiso cun modelo de xestión de residuos máis sostible e responsable. Durante todo o mes de novembro, un equipo de seis persoas está a percorrer as rúas do municipio para informar porta a porta á veciñanza sobre o funcionamento da nova campaña do contedor marrón, destinada á recollida da fracción orgánica.

O equipo encárgase de explicar de maneira directa e personalizada como separar correctamente os restos orgánicos, así como de entregar o material necesario para facilitar a participación na campaña. Ademais, o Concello está a habilitar puntos informativos en diferentes zonas estratéxicas do municipio, nos que o persoal técnico resolve dúbidas e ofrece información práctica sobre a compostaxe e a reciclaxe dos biorresiduos.

A resposta cidadá está a ser moi positiva: máis de 450 fogares xa se inscribiron na campaña, sumándose a esta iniciativa que busca reducir o volume de lixo destinado a vertedoiro e aproveitar os restos orgánicos para producir compost de calidade.

Aquelas persoas que aínda non se inscribisen poden facelo durante todo o mes de novembro a través da páxina web municipal:

👉 oporriño.ocaminosostible.gal

Con esta acción, o Concello do Porriño dá un paso máis na implantación do sistema de recollida separada da materia orgánica, favorecendo a implicación cidadá e promovendo un modelo de economía circular e sostible.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do concello por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas relacionadas