OUTES ESTREARÁ 30 CONTEDORES MARRÓNS INTELIXENTES PARA A RECOLLIDA DO LIXO ORGÁNICO

O Concello de Outes porá en marcha unha nova etapa da recollida separada da fracción orgánica coa campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!».

O municipio incorporará 30 contedores intelixentes de 240 litros con peche electrónico na tapa, que só se abren coa tarxeta das persoas usuarias. O sistema permitirá evitar impropios e mellorar a calidade do residuo que chega a tratamento.

Os fogares que se inscriban recibirán de balde un pack de uso coa tarxeta de apertura, un caldeiro de cociña de 10 litros e bolsas compostables. O programa prevé incorporar 100 fogares e 20 grandes produtores nesta fase.

A hostalaría, os comercios de alimentación, os centros educativos e as residencias poderán adherirse como grandes produtores e recibir un caldeiro de 25 litros, bolsas compostables, un manual práctico e o adhesivo de «Establecemento sostible».

No contedor marrón van os restos de froita e verdura, as cascas de ovo e de marisco, as borras de café e infusións, os restos de comida e o papel de cociña usado, sempre en bolsa compostable. Os biorresiduos destinaranse a SOGAMA para a súa reciclaxe.

As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web outes.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

O proxecto conta cunha axuda de 28.350,75 € da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, Liña 1, expediente EELL-0221-2026-RES), cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.