SARRIA INSTALARÁ CINCO NOVOS CONTEDORES VERMELLOS PARA A RECOLLIDA SEPARADA DE TÉXTIL
O Concello de Sarria instalará cinco novos contedores vermellos para a recollida separada de residuos téxtiles, situados na Rúa Formigueiros, na Rúa da Liberdade, na Rúa Becerreá, no centro urbano e no Punto Limpo.
Nos contedores vermellos poderase depositar roupa, calzado (en parellas e atado polos cordóns), complementos como cintos e bolsos, e téxtiles do fogar como sabas, toallas ou cortinas, incluso en mal estado. O material debe botarse sempre en bolsas pechadas. Non se deben depositar colchóns, alfombras nin téxtiles industriais.
O téxtil recollido xestionarao Cáritas Diocesana de Lugo, que o clasificará para a súa reutilización directa, a reparación ou a reciclaxe en novas fibras, de xeito que practicamente nada remate no vertedoiro. Separar o téxtil reduce o lixo do colector gris e axuda ás persoas que máis o precisan.
A instalación acompañarase da campaña informativa «O téxtil? Ao vermello!», con cartaces, dípticos e trípticos, publicacións en redes sociais e un posto informativo na feira do 17 de outubro.
A localización de todos os contedores pódese consultar no mapa de contedores téxtiles de Sarria. Máis información na páxina web sarria.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Tres dos contedores forman parte do proxecto de mellora da recollida separada de residuos téxtiles do Concello de Sarria, que conta cunha axuda de 7.725 € da Xunta de Galicia (procedemento MT975X, Liña 4, expediente EELL-0197-2026-RES), cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.




