Tordoia pon en marcha a campaña de recollida de téxtil

O Concello de Tordoia pon en marcha unha nova campaña de recollida de téxtil, co obxectivo de mellorar a xestión deste tipo de residuo, reducir a cantidade de roupa que remata no lixo convencional e favorecer a súa reutilización e reciclaxe.

A través desta campaña, a veciñanza poderá depositar roupa e outros tecidos que xa non se empregan en puntos de recollida específicos, facilitando que estas pezas poidan ter unha segunda vida, ben sexa mediante a súa reutilización, ben a través de procesos de reciclaxe. Deste xeito, redúcese o volume de residuos que se envían a vertedoiro e diminúe o consumo de recursos asociados á produción de novos materiais téxtiles.

A iniciativa busca, ademais, sensibilizar sobre o impacto ambiental do consumo de moda e da xeración de residuo téxtil, promovendo hábitos de consumo máis responsables e unha economía circular baseada no aproveitamento máximo dos recursos dispoñibles.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: tordoia.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.